sexta-feira, 14 de dezembro de 2012

HOXE PRESENTAMOS DENUNCIA PERANTE FISCALÍA...

Ante ese Ministerio Fiscal, e na representación que queda dita, comparece e de acordo co previsto no art. 259 e ss., da Lei Axuizamento Criminal e no artigo 5 da LO 50/81 que regula o Estatuto do Ministerio Fiscal, formulo DENUNCIA polos feitos que a continuación se relatan, por si fosen constitutivos de infracción penal, para que se promova a sua investigación e a eventual depuración das responsabilidades a que houbese lugar.

FEITOS


É un feito notorio, e por iso non debe pasar desapercibido, que nas nosas cidades e vilas onde existen supermercados , hipermercados e demais tipos de establecementos comerciais que teñen como actividade a venda de productos alimenticios, entre outros, todolos días ó finalizar a xornada laboral son botados ó lixo productos de primeira necesidade (alimentos) un ou varios días antes de que chegue a súa data de caducidade e deixen de ser aptos para o consumo humano (ou en todo caso para a sua venda ó público, según a normativa sectorial de sanidade e consumo). E tamén vemos como cada vez máis persoas se achegan a tentar recoller eses alimentos que son tratados como desperdicios servindolles como sustento para sobrevivir.

Ao mesmo tempo que se ven a constatar tal situación, a pobreza e a exclusión social estanse a incrementar en todo o Estado, pola progresiva desaparición da chamada “clase media” que está sufrindo o azote do desemprego pola destrucción masiva que se está a producir do tecido económico, o cal desemboca nunha cada vez máis pronunciada ruina das familias tanto no eido económico como no moral.

Na nosa comunidade son xa mais de 270.000 as persoas que se atopan sen emprego, máis de 20.000 na comarca de Ferrolterra. Homes e mulleres con familias que atender e con medo a un futuro que se antoxa incerto cando rematen as prestacións sociais por cobertura de desemprego. Os que aínda as teñen, pois son xa moitas as unidades familiares nas que non entra ningún ingreso nin salarial ni asistencial. A fame, tal e como pasaba hai xa varios centos de anos, volve a ameazar de forma seria a moitos cidadáns en pleno século XXI. Non é un problema alleo, calquera pode verse inmerso en tan triste situación. Sen ir mais lonxe, onte día 13 de decembro, fíxose público un informe da ONG INTERMON OXFAM que afirma que se seguen as políticas de austeridade e recortes sociais, no ano 2022 o 40 % da poboación do Estado español verase afectada pola pobreza.

No seo do Sindicato que represento, e froito das inquedanzas de numerosos traballadores que xa perderon o seu posto de traballo, veuse a constituir a “Asamblea de desempregad@s da CIG”, a cal está a desenrolar un esforzo por poñer en coñecemento dos cidadáns as graves inxustizas que está a padecer a poboación por mor das políticas capitalistas e neoliberais dos gobernos de turno, con contínuos recortes sociais.


Membros da citada “Asamblea de desempregados da CIG”, no marco das actividades reivindicativas que están a desenrolar, mantiveron contactos con responsables e xerentes de divesos supermercados da nosa comarca (non todos os quixeron atender). E algúns dos que máis sona teñen entre os consumidores non só tiran ó lixo alimentos en bo estado como dicimos máis arriba, senón que algún, como é o caso de ALCAMPO FERROL, dispón dunha compactadora para destruir os alimentos que xa non son atractivos para a venda pola súa proximidade á data de caducidade. (segundo informaron neste Sindicato os seus propios empregados)


A nosa lexislacion penal e o establecido no Estatuto Penal Internacional, regulan os delitos de xenocidio, de crimen contra a humanidade, de denegación de auxilio ante estados de extrema necesidade e outros preceptos que poderían ser de aplicación nestes casos.

Non parece admisible nin dende o punto de vista estrictamente xurídico, nin politica, nin social nin eticamente que todos os dias do ano, se estén a destruir miles de kilos de alimentos de primeira necesidade nunha sociedade na que existen moitísimas persoas pasando realmente fame física.

No Sindicato que represento non podemos permanecer impasibles ou indiferentes ante tal situación non só de auténtica inxustiza social senon que pode ter tintes penais pola regulación legal do noso ordenamento xurídico e por iso acudimos a esta Institución que ten posibilidades de actuación polas competencias que o noso sistema lle confire.

A obligación constitucional do Goberno do Reino de España é garantizar a saúde da poboación (e a alimentación forma parte daquela) . A Fiscalía , encargada de velar polo interese xeral dacordo co Estatuto do Ministerio Fiscal ten asumidas entre outras funcións a de velar polo respeto das institucións constitucionais e dos dereitos fundamentais e liberdades públicas con cantas accións esixa a sua defensa, ou tomar parte en defensa da legalidade e do interés publico e social (art. 3 EOMF), polo tanto o seu papel non debe quedarse só no exercicio das accións penais e civis dimanantes dos delitos e faltas.

Proponse por tanto actuar seguindo as pautas que se expoñen a continuación, así como as que se consideren oportunas para abrir un proceso fundado nas anteriores informacións, para o que se auxiliarán de todas as fontes de información e do labor das forzas e corpos de seguridade do Estado.


Ínstase por tanto, mediante esta denuncia á Fiscalía a :

1.- Elaborar un informe sobre as prácticas das grandes e pequenas superficies comerciais de destrucción de alimentos básicos, antes da súa caducidade.

2.- Estudio das aplicacións penais a estas conductas que diariamente se realizan pola maioría das grandes superficies no noso país, e en particular na nosa comarca.

3.- Impulsar en todalas Fiscalías das Audiencias Provinciais e do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza actuacións nos seus ambitos de competencia sobor destes feitos.

4.- Instar ás institucións democráticas e da sociedade civil; concellos, Diputacións, Sindicatos, Asociacións de consumidores, etc…., a cooperar activamente coa Fiscalía nestas investigacións.


Por todo o exposto,


SUPLICO A ESE MINISTERIO PUBLICO teña por presentado este escrito cos documentos que se lle adxuntan e teña por presentada esta denuncia, de tal forma que dentro do alcance das suas competencias, promova a investigación dos feitos e de ser o caso xurisdiccionalmente se depuren as responsabilidades a que haxa lugar.


Ferrol, 14 de decembro de 2012.