sexta-feira, 14 de dezembro de 2012

ALIMENTOS NO LIXO E DESEMPREGAD@S PASANDO FAME!

A Asemblea de desempregad@s da CIG manifestámonos o domingo 16 de decembro ás 12:30h ante o supermercado Alcampo na Gándara co obxectivo de expresar o noso rexeitamento ante a eliminación daqueles alimentos próximos á caducidade que realizan no interior das instalacións porque "xa non lles resultan rendábeis economicamente".

Esta concentración inscríbese dentro dunha iniciativa promovida pola Asemblea de desempregad@s que consiste en coñecer de o destino que lle dan os supermercados da nosa comarca aos alimentos próximos à data da caducidade. Alcampo negouse con desprezo a recibirnos e a interesarse pola nosa iniciativa, e máis sabendo que é un segredo a voces o que fai este centro comercial con eses alimentos.

En tempos onde se nos reclama "austeridade" ou "que nos apretemos o cinto", foméntase o consumismo compulsivo coa chegada do Nadal, e mentres, hai xente obrigada a meterse nos contentores do lixo para buscar  algo de comer.                                                          

Dede o noso colectivo, queremos seguir mantendo o debate social que creamos coa expropiación simbólica de alimentos de primeira necesidade a principios do mes de xuño pasado no Maxi-Dia de Ferrol, para demostrar que por riba de calquera beneficio privado está a dignidade das persoas.

@s traballadores/as en situación de desemprego que integramos este colectivo, somos conscientes de que se non continuamos a promover este tipo de mobilizacións e crear a necesaria alarma social sobre a dramática situación pola que están a atravesar moit@s desempregad@s que non contan con ingreso económico algún, veremos como esas expropiacións deixarán de ter carácter simbólico e serán pura realidade.

Ante esta situación desde a Asemblea de desempregad@s da CIG propoñemos unha serie de alternativas:

- Comedores sociais nos barrios. A día de hoxe só existe en Ferrol a Cociña Económica como entidade de referencia para esta cuestión.

- Economatos populares nos barrios, nos que se podan adquirir productos alimentares básicos a baixo prezo ao ser subvencionados polo Estado.

- Bancos de alimentos de control público.

- Servizo municipal de xestión e recollida dos alimentos próximos à caducidade que rexeitan os supermercados.

- Servizo de comedor escolar gratuíto para fill@s de traballadores/as en situación de desemprego.

- Unha renda básica para aqueles/as desempregad@s que non perciban prestación algunha, asegurando que podan adquirir produtos de primeira necesidade.